APAGA organiza a sétima edición do Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos que se celebrará en Ribadeo entre os días 28 e 31 deste mes de agosto. O presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural, estivo acompañado na presentación celebrada na tarde de onte no hotel O Cabazo polo presidente da Deputación, Darío Campos, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, e o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente. Este ano celebraranse, por primeira vez, algunha das actividades do programa en Madrid e en Pamplona, posto que APAGA conta cada vez con máis socios fora de Galicia.
O presidente de APAGA, Álvaro Doural, explicou que “o día 28 imos ter unha actividade, que é exclusivamente para técnicos de empresa, relacionada co vehículo eléctrico e o vehículo híbrido. Vai vir un técnico dunha empresa alemá, que será quen imparta ese taller. É a unha hora prudente, á que se pode vir despois de rematar o traballo”.
Doural contou que “imos externalizar tamén outras actividades, unha en Madrid, que vai ser un taller de pintura, e dúas en Pamplona. A asociación, aínda que ten a súa base en Ribadeo e a maioría de socios son galegos, cada vez conta con máis xente doutras comunidades. Agora xa se están creando unha serie de grupos de traballo e así hai un en Madrid, outro en Pamplona e outro en Murcia, entón é un pouco para dar resposta ás necesidades de toda esta xente”.
O presidente de APAGA lembrou que “a min sempre me gusta recordar como naceu todo isto. No ano 1991 empezamos coas xornadas e naquel momento creouse esa actividade coa idea de achegarse á empresa, o alonxamento que tiñan os centros de FP das empresas era tremendo. Vintesete anos máis tarde, aínda que se mellorou, seguimos padecendo bastante ese mal, segundo noutras comunidades como o País Vasco, por exemplo, hai unha relación moito máis intensa. É unha pena porque nunca a administración dotou aos centros como están dotados, de medios e de profesorado. Os medios que hai nos centros neste momento son moi bos. Tamén hai moitos alumnos que agora veñen á Formación Profesional, algúns deles que fixeron carreiras universitarias están volvendo para poder insertarse laboralmente. Hai datos que son francamente preocupantes, que é o tema do abandono na FP. Empeza moita xente e hai unha porcentaxe altísima de xente que abandona, que se vai sen unha formación. Por outra banda, neste momento hai unha necesidade tremenda de persoal, moitas empresas están limitando o seu avance por non poder ter técnicos ao non haber xente formada. Con estas reflexións non quero dicir que se busquen culpables, senón a maneira de solucionar”.
Álvaro Doural subliñou que “este foro vai no senso de estar cada vez máis preto da empresa e de que haxa unha colaboración máis intensa. Creo que ese é o camiño, independentemente doutro tipo de temas. Eu penso que a formación laboral non se entende sen a FP. Aí hai unha ferramenta agora importante, que se verdadeiramente se sabe traballar con ela pode ser clave no desenrolo da Formación Profesional, que é a formación dual. Noutros países como Alemaña ou Finlandia está funcionando moi ben, aquí está empezando, pero necesítase que haxa un cambio de mentalidade tanto nos centros como nas empresas para que iso teña éxito”.
O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, manifestou que “para prepararse para as novas tecnoloxías e para os novos adiantos non hai nada mellor que este tipo de xornadas nas que se poñen en coñecemento, con profesionais do sector do automóbil, todas as tendencias e tecnoloxías que saen nese mundo. Nese aspecto van vir vinte expertos no sector do automóbil que nos poñerán, tanto a nivel nacional como internacional, á Mariña, e eu creo que iso é o importante, que esta comarca que sempre foi emprendedora e dinámica, entre todos, a sigamos poñendo no mapa, que é do que se trata. Ademais sacar para as empresas da contorna esa iniciativa, apoiada entre todos, e dar a coñecer as novas tecnoloxías e evolucións do sector que van ser o futuro, e A Mariña non pode quedar atrás neste senso. Quero agradecer a Álvaro Doural, porque creo que é importante o traballo que están a desenvolver. Non é chegar e facer a primeira xornada senón seguir traballando nun sector que innova ano a ano e non é doado traer aos expertos e á xente a que opine sobre eses novos adiantos. Desde o posto de presidente da Deputación seguiremos apoiando este tipo de xornadas”.
Pola súa banda o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, declarou que “creo que o programa é atractivo para o profesorado e para disfrutar tamén deste fermoso concello as persoas que veñan de fora. Moitas grazas por invitar á institución que eu represento neste momento, á Xunta de Galicia e ao goberno de Galicia. Oxalá haxa moitos máis foros deste tipo na nosa comunidade autónoma. Para a nosa provincia non deixa de ser importante un foro deste calado. Desexamos e queremos desde o goberno de Galicia que isto sexa un éxito, e estamos seguros de que o vai ser porque este foro non nace agora. E da historia os galegos, os españois e o mundo enteiro aprendemos moito, porque a historia en definitiva é a que fai os pobos, as provincias, as comunidades autónomas e o estado español”.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, salientou que “no programa figuran temas sobre as novas tecnoloxías, soldadura de raio láser, carga de baterías e o que é un coche agora mesmo no que podemos ir sentados sen ir conducindo nel. Hai unha serie de innovacións e cousas que nos agardan na automoción, que van chamar moitísimo a atención. Detrás de todo isto está o profesorado de Formación Profesional, a xente que realmente cre que debe estar aí para axudar tanto aos alumnos como aos seus propios compañeiros e á propia industria. Álvaro Doural e o seu equipo están facendo unha labor extraordinaria. Xa levan moitos anos traballando nisto, eu recordo que antes había unhas xornadas en Ribadeo, máis ou menos polas mesmas datas de agora, que xa eran moi atractivas porque enchían sempre os locais onde se desenvolvían e era unha maneira extraordinaria de avanzar, que é o que debemos procurar, avanzar. Moitas grazas pola iniciativa, o nivel que se está demostrando e sobre todo o interese extraordinario que hai pola Formación Profesional, cousa que eu aplaudo”.
O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, declarou que “como digo sempre, a palabra Barreiros, cando estamos falando de automoción, case se asimila máis cun camión que cun concello. Queremos estar aí, o polígono de Barreiros conta hoxe con varias industrias vinculadas ao sector da automoción e por iso creo que debemos estar neste foro, independentemente que se celebre en Ribadeo, apoiando iniciativas deste tipo. Creo que son boas estas actividades porque me está chegando que está habendo algunha carencia en canto a xente nova que se incorpore ao mundo da automoción. Ao mellor estas xornadas serven para animar á xente nova a que queira iniciarse na formación, a través da FP e de distintos coñecementos que poida ir adquirindo, para entrar neste sector. A verdade é que se están quedando sen mano de obra, e dicir isto, cando estamos falando de números de parados elevados, pero realmente creo que hoxe faltan profesionais, polo tanto eu creo que os foros deste tipo son importantes para tamén animar á xente nova. Así que ánimo e a continuar, cando menos, outros sete anos máis”.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, non puido asistir a este acto de presentación por atoparse presidindo o pleno extraordinario que onte ás 20:30 horas se celebrou no Concello.
Entre o público asistente houbo xente do mundo do ensino e da formación, da empresa e da política.