
Esta fin de semana -venres 3, sábado 4 e domingo 5 de outubro- vaise celebrar no Cruceiro, na parroquia de Xuances (Xove), a Festa do Ramo, coñecida tamén pola súa cita gastronómica na que enxalzan os callos. E así empeza a programación o venres 3 de outubro, coa XVII Festa dos Callos, acompañados pola orquestra Capitol e disco móbil Conxuro. Continua a festa o sábado coa sesión vermú da man do Grupo JB Son e verbena pola noite co grupo JB Son e disco móbil Conxuro e rematan o domingo cunha sesión vermú prolongada amenizada polo dúo D’Caché.
Na presentación do cartaz destas festas estiveron membros da comisión organizadora pertencentes á Asociación Cultural e de Festexos Alto do Cruceiro, Alejandro Quintas e Rubén e Francisco Sánchez, acompañados polo alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e as concelleiras Tamara Soto e María Dolores Meitín.
A comisión agradece a colaboración de toda a veciñanza e tamén dos comercios, empresas e institución que dunha maneira ou doutra colaboraron para levar a cabo un ano máis estas festas do Ramo e aproveitan a ocasión para invitar a veciños e visitantes a “vir desfrutar da boa gastronomía e da boa compañía este fin de semana no Cruceiro, onde contarán tamén con unha gran carpa cubrindo o campo para que nin o mal tempo poida coa festa”.