
Cervo acolle este sábado, 13 de xuño, a primeira cita de Xogal 2026: un escape room gratuíto ao aire libre que “converte o legado industrial e artístico de Sargadelos nunha aventura para toda a familia”, anuncia a empresa organizadora, Escapeo, que engade: “cerámica, lume, memoria industrial e natureza: Cervo agocha un dos patrimonios máis fascinantes de Galicia e este sábado 13 de xuño hai unha escusa perfecta para descubrilo dunha maneira completamente diferente. O proxecto Xogal, impulsado polos GDR Terra Chá, Terras de Miranda, Montes e Vales Orientais e Miño Ulla en colaboración coa empresa galega Escapeo, arrinca a súa segunda edición cun escape room ao aire libre aberto a todo o mundo e totalmente gratuíto”.
A organización desta actividade engade que “a cita é o sábado 13 de xuño ás 11:00 horas na Praza do Souto, en Cervo. Os equipos participantes mergullaranse en O legado de Sargadelos en Cervo, unha experiencia deseñada para resolver enigmas, superar retos e descubrir os recunchos e a historia que fixeron deste lugar un símbolo único da Galicia industrial e artística. Ademais da experiencia de xogo en si, os equipos mellor clasificados poderán levar premios en forma de experiencias turísticas e de lecer. Todas as persoas participantes entrarán automaticamente nos sorteos organizados polo proxecto. Ao remate da actividade, todos os asistentes poderán desfrutar dun pequeno aperitivo de peche. A inscrición é gratuíta e está aberta en escapeo.com/xogal/. Un dos grandes atractivos de XOGAL é a súa accesibilidade: non é necesario descargar ningunha aplicación. O xogo funciona directamente desde o navegador do teléfono, o que o converte nunha actividade ideal para toda a familia, grupos de amigos ou simplemente quen queira pasar unha mañá diferente na Mariña Luguesa. Unha vez celebrado o evento de estrea, a experiencia quedará activa durante un mes, para que veciñanza e visitantes poidan realizala gratuitamente e ao seu propio ritmo”.


