En Ribadeo arrincan as actividades de verán organizadas pola Concellería de Mocidade e Deportes. Prolongaranse ata o 7 de agosto

Hoxe arrincan as noites de verán organizadas pola Concellería de Mocidade e Deportes. Será na pista multideporte cun mini torneo de fútbol sala 3x3, que se desenvolverá ata o mércores, día 15, en horario de dez a doce da noite e cos equipos por categoría de idade (sub 12, 15, 17 e senior). E do 20 ao 22 de xullo tamén pola noite na pista multideporte e nas mesmas categorías terá lugar un mini torneo de baloncesto 3x3.

Mañá, día 14, de 16 a 19:30 horas haberá festa acuática con inchables na auga, kaiak e padel na praia dos Bloques, cita que volverá repetirse o 20 de agosto no mesmo horario e no mesmo areal.

Ademais o 29 de xullo haberá kaiaks de 16 a 19:30 horas; o 30 de xullo no mesmo horario paddel surf; e deslizadores acuáticos o 4 de agosto de 16 a 19:30 horas e os días 5, 6 e 7 de agosto de 11:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:30 horas. 

O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima á rapazada “a gozar das actividades de verán que deseñamos desde o Concello. As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse á Casa da Xuventude ou chamando por teléfono ao 982 129 889”.

As actividades de verán foron presentadas polo alcalde, Dani Vega, e polo concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent.