
O Concello de Viveiro acollerá o venres 28 de novembro ás 20.30 horas o acto de entrega do VII Premio de Novela Vilar Ponte. A cerimonia, aberta ao público, terá lugar na Sala Multiusos do consistorio.
O galardón, “impulsado para poñer en valor a creación literaria en lingua galega e a figura dos irmáns Vilar Ponte, reúne cada ano a autores e autoras de referencia no panorama narrativo actual”, destaca o Concello de Viveiro.
Nesta edición, a novela gañadora é a titulada A dous pasos do Edén, de Pura Salceda Carballeda, mentres que Ignacio Vidal Portabales foi seleccionado como finalista polo xurado.
A entrega estará amenizada cunha actuación musical a cargo do grupo de corda do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro (CMUS). O Concello convida á cidadanía a asistir a esta celebración cultural, aberta ao público, e a acompañar as persoas premiadas nunha nova edición dun certame que “consolida a Viveiro como referencia na promoción da literatura galega”.


