Este sábado, 10 de xaneiro, terá lugar en Ribadeo a XV Festa do Comercio, que repartirá 5.000 euros en premios e unha viaxe a Menorca para dúas persoas

Este sábado, día 10 de xaneiro, terá lugar a XV Festa do Comercio de Acisa Ribadeo, que repartirá 5.000 euros premios e unha viaxe a Menorca para dúas persoas. O sorteo será nas carpas instaladas na Avenida Rosalía de Castro a partir das 20:30 horas.

Desde Acisa a súa presidenta, Carmen Cruzado, explicou que “chega unha data moi importante para Acisa, chega tras o Nadal o sorteo presencial da XV Festa do Comercio, que se realiza coas rifas entregadas durante toda esta campaña comercial, que deu comezo o pasado 5 de decembro. O sorteo comezará ás 20:30 horas nas carpas de Rosalía de Castro, pero a urna estará instalada dende as 17:00 horas para que todos os veciños e veciñas poidan depositar as súas rifas nela con tempo e non ter que facer cola a última hora”.

Cruzado Iglesias lembrou que “foron 180.000 as rifas repartidas entre todos os negocios asociados a Acisa. O sorteo de mañá suporá o colofón ao Nadal de Ribadeo. É unha data moi agardada por todas e todos e esperamos que teña unha incidencia moi positiva tanto no comercio como na hostalería, debido á cantidade de xente que mañá se achegará á nosa vila para presenciar o sorteo da XV Festa do Comercio”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “como todos os anos haberá cadeiras para que a xente poida seguir o sorteo sentada. No exterior da carpa contaremos con pantalla xigante e con altofalantes para que todo mundo viva o sorteo da Festa do Comercio do mellor xeito posible. Vai ser un acto rápido, que tentaremos non dure moito máis de 30 minuto. O evento será conducido polo xornalista Félix Jorquera”.

Pérez Prada lembrou que “este ano sorteamos unha viaxe valorada en preto de 1.000 euros para dúas persoas, de catro días de duración a Menorca, a desfrutar no mes de maio; 5.000 euros en vales de compra de Acisa, que se repartirán nun premio de 2.000 euros, un de 1.500 euros, un de 1.000 euros, e dous de 250 euros (un deles será non presencial). O premio non presencial será sorteado entre o número total de papeletas impresas. E o resto de premios sortearanse entre os números que mañá estean depositados na urna instalada a carón da carpa”.

Cruzado Iglesias subliñou que “si se extrae unha rifa que non estea debidamente selada, quedará inmediatamente invalidada, tal e como recollen as bases do sorteo. Temos que insistir en que a xente poderá depositar as papeletas ata as oito e media da tarde, despois a urna trasladarase ao escenario desde o que dará comezo o sorteo desta XV Festa do Comercio”.

A presidenta de Acisa dixo tamén: “desde Acisa queremos agradecer de antemán ao Concello de Ribadeo a súa colaboración cos medios materiais e co persoal municipal para poder facer a montaxe adecuada para a celebración da Festa do Comercio; grazas tamén á Dirección Xeral de Comercio da Xunta; e ás empresas BeOne e Multitrasteros polo seu patrocinio. Grazas á clientela dos negocios de Ribadeo por apostar unha vez máis por facer as súas compras na nosa vila, nas tendas físicas atendidas por persoas, que sempre están dispostas a asesorarnos e a ofrecernos o mellor trato e o mellor produto posible. Agardamos seguir contando coa súa confianza ao longo deste recén estreado ano”.

O xerente do colectivo empresarial ribadense animou “a asistir a este agardado momento, a XV Festa do Comercio de Acisa Ribadeo, que reunirá unha vez máis a milleiros de persoas nas carpas e na mesma Avenida Rosalía de Castro. Agardamos que o tempo nos acompañe e que o 2026 sexa un moi ano para o tecido empresarial de Ribadeo”.