
Faro Norte Comunicación celebrará o seu dezaoito aniversario este sábado, 7 de marzo, cun parladoiro feminino denominado Experiencias de vida, que terá lugar ás 19 horas no Salón dos Alcaldes do Concello de Ribadeo.
Desde Faro Norte explican que “quixemos celebrar o noso aniversario, a nosa maioría de idade, arredor do 8M co obxectivo de renderlle homenaxe á muller compartindo experiencias de vida das 18 mulleres que participarán no parladoiro feminino. Contaremos con autónomas, traballadoras por conta allea, xubiladas, empresarias, docentes, políticas en activo e outras que o foron hai máis de trinta anos, inmigrantes ou emigrantes retornadas”.
E engaden: “as convidadas a esta cita falarán da súa vida profesional, da conciliación familiar e laboral e das súas referentes”. Participarán: Carmela López, presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela; Rocío López, alcaldesa de Lourenzá e presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña; Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros e vicepresidenta da Mancomunidade; Efigenia Maseda, alcaldesa de Alfoz; Begoña Sanjurjo, primeira tenente de alcalde do Concello de Ribadeo; Inés López, primeira tenente de alcalde do Concello de Foz; Ana Díaz, presidenta de A Sucadoira; as empresarias María José Ríos, Pura García, Susana Sanz, Beatriz Irigoyen e Carmen Cruzado; Raquel Hermida, docente e coach; María Ron, directora do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo; Chus Vizcaíno, subdirectora de ABanca en Ribadeo; Fé Rodríguez, xubilada e unha das primeiras alcaldesas da provincia de Lugo hai máis de trinta anos; Natalia de Oliveira, traballadora por conta allea e inmigrante; e Maribel Martín, xubilada e emigrante retornada.
O acto é aberto ao público. “Haberá algunha sorpresa para os asistentes”, indican desde Faro Norte Comunicación.
A empresa ribadense, dedicada á comunicación, á publicidade, á locución e ao asesoramento mediático, está formada por Beni Mántaras e por Carmen Cruzado. Conta con Faro Ocio Norte, publicación dixital dedicada ao ocio, e edita anualmente A Gaceta Ribadense, coincidindo coa celebración do Ribadeo Indiano.
Faro Norte Comunicación agradece a colaboración do Concello de Ribadeo, Terra Branca, Bombones Moreno e A Mariña Asesores.


