
Faro Norte Comunicación agradece a participación e a asistencia ao parladoiro feminino Experiencias de vida, celebrado este sábado, 7 de marzo, no Salón dos Alcaldes do Concello de Ribadeo. A empresa de comunicación ribadense quixo conmemorar o seu 18 aniversario arredor do 8M co obxectivo de renderlle homenaxe á muller compartindo experiencias de vida das 18 mulleres que acudiron a esta cita: Carmela López, presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela; Rocío López, alcaldesa de Lourenzá e presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña; Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros e vicepresidenta da Mancomunidade; Efigenia Maseda, alcaldesa de Alfoz; Begoña Sanjurjo, primeira tenente de alcalde do Concello de Ribadeo; Inés López, primeira tenente de alcalde do Concello de Foz; Ana Díaz, labrega e presidenta da asociación A Sucadoira; as empresarias María José Ríos, Pura García, Susana Sanz, Beatriz Irigoyen e Carmen Cruzado; Raquel Hermida, docente e coach; María Ron, directora do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo; Chus Vizcaíno, subdirectora de ABanca en Ribadeo; Fé Rodríguez, xubilada e unha das primeiras alcaldesas da provincia de Lugo hai máis de trinta anos; Natalia de Oliveira, traballadora por conta allea e inmigrante; e Maribel Martín, xubilada e emigrante retornada.
Desde Faro Norte “queremos darlles as grazas a cada unha das convidadas pola súa participación e por compartir as súas vivencias entre todas e co público asistente”. Todas recibiron un agasallo conmemorativo do 18 aniversario de Faro Norte Comunicación. O público foi obsequiado cun detalle e entre todas as persoas asistentes foi sorteada unha lámina coa imaxe da Torre dos Moreno, da galería Terra Branca, que lle tocou a unha veciña de Ribadeo.
Faro Norte Comunicación agradece a colaboración do Concello de Ribadeo, Terra Branca, Bombones Moreno e A Mariña Asesores: “grazas a todos polo seu apoio nunha data tan importante para nós”.
A empresa ribadense, dedicada á comunicación, á publicidade, á locución e ao asesoramento mediático, está formada por Carmen Cruzado e Beni Mántaras. Conta con Faro Ocio Norte, publicación dixital dedicada ao ocio, e edita anualmente A Gaceta Ribadense, coincidindo coa celebración do Ribadeo Indiano.


