
A FCAM (A Mariña Federación) organiza este xoves, 24 de setembro, unha mesa redonda para facer balance turístico do verán. O evento terá lugar ás 12:00 da mañá no Cenima, en Foz.
A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, explica: “queremos pulsar a opinión de persoas e de empresas que están a pé de rúa en contacto cos milleiros de turistas que ano tras ano pasan por esta comarca durante o verán e entre todos facer unha reflexión. Esta será a segunda edición desta mesa redonda na que faremos balance do verán que despedimos hoxe”.
Cruzado Iglesias indica tamén que “é importante saber o que pensa o sector do que está a acontecer na Mariña, onde cada vez recibimos máis visitantes. Somos refuxio climático e iso vai a máis. Hai moitas preguntas no aire ¿estamos preparados? ¿hai que poñerlle freo dalgún xeito? ¿que impacto ten no medio natural? Hoteis, restaurantes e comercios seguen a ter moitos problemas para atopar persoal para traballar, algo que obriga a algúns negocios a axustar horarios e servizos. Aínda que é a tónica xeral en todo o país ¿cómo podería mellorar ou mudar esta situación?”.
A presidenta da FCAM subliña: “vivimos moito, cada vez máis, do turismo. É unha fonte de ingresos moi importante, que xera moitos postos de traballo, e queremos que o siga sendo, pero sempre hai cousas que se poden mellorar. E diso imos falar e reflexionar este xoves no Cenima nun acto aberto a todo o público que queira asistir e dirixido especialmente ao sector turístico, a empresas hostaleiras, a comercios, a negocios locais,…”.
Na mesa redonda da FCAM intervirán Moncho García, propietario de Atalaia Camper Park; Emma Álvarez, directora financeira de Grupo Llano Ponte; Tania Hermida, xerente de Turismo da Mancomunidade de Concellos da Mariña; José Carlos Paleo, presidente de Acia Foz-CCA; Paloma Vázquez, xefa da Área Provincial de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo; Fran Cajoto, alcalde de Foz e deputado de Recursos Sostibles da Deputación de Lugo; e Carmen Cruzado, presidenta da FCAM.


