A FCAM promociona as compras no comercio da Mariña con 2.000 bolsas de tela e a visita de José Ribagorda

A FCAM promociona as compras no comercio da Mariña con 2.000 bolsas de tela e a visita do xornalista e escritor José Ribagorda.

A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, explicou: “dentro da campaña De compras pola Mariña, que arrincamos o ano pasado traendo a persoas coñecidas do mundo da comunicación, do deporte ou da cultura a pasar unha fin de semana nesta comarca, este ano decidimos facer promoción do comercio local facendo estas dúas mil bolsas, que pronto poderemos ver polas rúas de Viveiro, Burela, Foz, Ribadeo ou A Pontenova. Son de tela, en tons azuis e o que queremos é seguir apostando polas compras en clave local, nos comercios das nosas vilas, que son os que enchen de luz e de cor as rúas e os que crean emprego”.

Cruzado Iglesias dixo que “a campaña, financiada por Comercio Galego e pola Xunta de Galicia, De compras pola Mariña seguirá ao longo das vindeiras semanas con máis actividades ás que lles estamos a dar forma desde a FCAM”.

Na presentación das bolsas participaron a presidenta e o tesoureiro da FCAM, Carmen Cruzado e José Carlos Paleo.

Ademais, da man da FCAM chegará a vindeira semana á Mariña o xornalista e escritor José Ribagorda, que dará boa conta da gastronomía, do comercio, do turismo e do patrimonio cultural nos seus soportes dixitais como www.delascosasdelcomer.com e nas súas redes sociais. Do 16 ao 18 de outubro visitará diversos enclaves da comarca.