A Federación de Comercio A Mariña (FCAM) distribúe materiais gratuítos de rebaixas entre as asociacións que a integran

A Federación de Comercio A Mariña (FCAM) distribúe materiais gratuítos de rebaixas entre as asociacións que a integran. Trátase de 25.000 tarxetas para os prezos co antes e co despois e máis de 1.000 carteis.

A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, explicou que “o obxectivo é asumir custes que doutro xeito terían que afrontar as asociacións de comerciantes da Mariña que están integradas na FCAM. Recorremos a un deseño fresco e estival composto por carteis en dous formatos e as tarxetas para os prezos co antes e co despois”.

Cruzado Iglesias aproveitou a ocasión para animar á veciñanza da Mariña “a mercar tamén nas rebaixas nos negocios locais, nos que temos a carón da casa, eses que crean emprego, que fan e lle dan vida aos nosos pobos. Nos nosos comercios podemos ver, tocar e probar os produtos e se nos gustan levalos para a casa no momento. Ademais atoparemos un trato amable e personalizado, así como todo o asesoramento que precisemos. Ninguén nos coñece mellor a nós e ninguén sabe máis dos nosos gustos que a nosa tenda de confianza”.

A presidenta da Federación de Comercio A Mariña apostou “por fuxir das compras online a través das grandes plataformas de venda. Hai datos que nos indican que a tendencia e boom dos últimos anos está a cambiar, nova que nos alegra especialmente. Onde estea un sorriso en persoa que se quiten os de cartón”. E subliñou: “na Mariña contamos cun comercio referente, con moitos anos de vida ás súas costas, no que podemos atopar todo o que precisemos durante todo o ano e tamén nas épocas de rebaixas”.