A Feira do Libro de Viveiro celebrarase do 12 ao 15 de agosto nos Xardíns de Noriega Varela

Viveiro acollerá desde este martes, 12 de agosto, unha nova edición da Feira do Libro. Terá lugar nos Xardíns de Noriega Varela ata o venres 15, en horario de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas. A iniciativa  forma parte do circuíto das Feiras do Libro de Galicia e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Federación de Librarías de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro.

O Concello de Viveiro anuncia que “a cita reunirá librarías, editoriais e autores que ofrecerán ao público unha ampla variedade de títulos, ademais dun desconto do 10% na compra dos libros. O lema desta edición é Onde florecen os libros e ao longo dos catro días nos que se desenvolverá, organizaranse sinaturas, presentacións e actividades culturais".

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, destacou a importancia desta cita para a dinamización cultural e social do Concello: “a Feira do Libro é un punto de encontro entre lectores, autores e profesionais do sector, e unha oportunidade para gozar da literatura ao aire libre nun entorno privilexiado como son os Xardíns de Noriega Varela”.

A programación completa da Feira do Libro, cos horarios e actividades de cada xornada, pode consultarse na web librarias.org.