
A vila de Ribadeo prepárase para celebrar as súas festas de San Roque, co patrón da localidade, cunha programación que mestura actos tradicionais, música en directo e propostas para todos os públicos os días 14 e 16 de agosto.
O xoves, 14 de agosto, ás 20:30 horas, a rúa San Roque acollerá o concerto de D’Crooners, un evento en colaboración con Acisa Ribadeo.
O sábado, 16 de agosto, o día grande, comezará ás 10:30 horas coas potentes bombas de palenque anunciando a festividade, seguidas da saída dos Cocos e Cabezudos acompañados polo Cuarteto de Gaitas Illa Pancha. Ás 12:00 horas celebrarase a misa solemne, seguida da procesión e dun concerto da Banda Municipal de Ribadeo. O vermú será ás 14:00 horas coa música do dúo En Clave de Ti, que tamén amenizará a verbena nocturna a partir das 23:00 horas, compartindo escenario co concerto de La Disquetera. Antes, ás 19:00 horas, haberá un concerto do grupo Dos en Punto e o remate da festa estará a cargo de The Sound Project e Litainer, garantindo unha despedida por todo o alto.
A cita está organizada pola Comisión de Festas de Ribadeo, coa colaboración da Xunta de Galicia, o Concello de Ribadeo, Acisa, Sanbet Agencia, Estudio Reverte e Estrella Galicia como patrocinador oficial.