
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncia que colabora un ano máis co proxecto de intercambio cultural a través do teatro Camiño Escena Norte, que programa representacións de 18 compañías de Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi, Nafarroa e La Rioja polo norte peninsular. O apoio da área de Cultura ao proxecto trae este ciclo teatral, titulado Itinerario Constelacións, a escenarios lucenses. A Sala Bahía, de Foz, e o Auditorio Hernán Naval de Ribadeo acollerán cadansúa representación os días 26 de setembro e 25 de outubro respectivamente.
Nueve Lunas Teatro, da Rioxa, levará a Foz a obra Juana I de Castilla, unha peza que aborda con humor, música e ironía a violencia sufrida polas mulleres e a saúde mental. E Ribadeo acollerá dúas función do espectáculo de ilusionismo inmersivo titulado 3 elementos da compañía navarra Hodei.
A deputada provincial de Cultura, Iria Castro, e a dramaturga, directora e narradora Carmen Conde presentaron no Pazo de San Marcos o calendario lucense deste proxecto cultural promovido por asociacións teatrais das seis comunidades, que “valoraron a oportunidade que este proxecto teatral ofrece as compañías e ao público, que pode ver preto da casa algúns dos mellores espectáculos escénicos do momento”
A colaboración con Camiño Escena Norte “amplía a aposta da Vicepresidencia da Deputación de Lugo por impulsar a presenza do teatro nas programacións culturais de concellos e asociacións con iniciativas propias como os ciclos de teatro profesional e afeccionado, que implica máis de 50 compañías e grupos teatrais amadores da provincia”.


