Guido Guía fará virais nas redes sociais as rutas turísticas da Deputación de Lugo na Mariña e noutras zonas da provincia

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o experto en turismo e creador de contido, Guido Álvarez Parga (Guido Guía), presentaron na sala de xuntas do Pazo de San Marcos unha campaña audiovisual que achegará ás redes sociais o programa da institución provincial Coñece a túa provincia.

A Deputación explica que “esta iniciativa, amosará, por unha banda, os principais atractivos turísticos dos 67 concellos, e por outra, dará a coñecer esta programación gratuíta da institución provincial que xa vai pola sexta edición. A campaña inclúe unha serie de vídeos nos que o espectador poderá coñecer os recursos paisaxísticos, patrimoniais, culturais e gastronómicos da provincia, ademais de achegar curiosidades e aspectos menos coñecidos do territorio. Desde a Mariña ata a Montaña, desde a Ribeira Sacra ata a Terra Cha, serán protagonistas dos audiovisuais mosteiros, castelos, castros, museos, adegas ou percorridos por praias, canóns e bosques; e tamén experiencias como rutas en catamarán polo Sil e o Miño, visitas a obradoiros artesáns ou demostracións de oficios tradicionais. Os contidos poderán verse tanto nas redes sociais da Deputación como nos perfís de Guido Guía e permitirán desfrutar da experiencia como fan as persoas usuarias de este programa de viaxes”. 

A presidenta agradeceu a colaboración do servizo de Turismo da Deputación de Lugo na posta en marcha desta campaña de difusión do Coñece a túa provincia en redes sociais a través do traballo de Guido Guía.

A Deputación indica ademais que “o traballo que desenvolve Guido Guía tamén inclúe entrevistas en formato curto a persoas moi relacionadas con estas rutas, como Boris Vilar, guía en Viveiro, e un dos que máis rutas realizou deste programa; Anxo Moure, gran coñecedor da Ribeira Sacra; ou a bibliotecaria de Antas de Ulla, Teresa Batán”.

Guido salientou: “a primeira das entrevistas que realizamos, que foi ao meu profesor de matemáticas da ESO, e xa xubilado é un gran coñecedor da zona do Vicedo na que é asiduo todos os veráns”.

“Guía oficial de Turismo de Galicia, Guido Álvarez Parga defínese como turismólogo e divulgador. O seu proxecto conta cunha comunidade de máis de 50.000 usuarios en Facebook e 19.000 en Instagram, ademais da súa presenza noutras plataformas dixitais. Unhas cifras que o converten nunha canle con capacidade para dar visibilidade ao patrimonio, á paisaxe e aos recursos turísticos da provincia, chegando a novos públicos”, destaca a Deputación. Nese sentido Carmela López sinalou que “precisamente para dar a coñecer ese traballo quixemos contar con Guido Guía, que ademais, xa tivo a oportunidade de acompañar a algún dos grupos como guía oficial e agora ten a oportunidade de trasladalo a través das redes sociais. Cremos  que esta campaña é unha boa maneira de levar toda a nosa provincia e ofrecer esa toda esa variedade no entorno dixital”.

Pola súa banda, Guido Guía valorou a importancia desta campaña porque “vai ser unha maneira de viaxar a través das redes por todo o territorio de Lugo, e espero que as asociacións e os veciños da provincia, así como doutros lugares, se animen a facer estas rutas. Creo que vai ser algo moi viral, que se vai espallar non só pola provincia senón fóra das nosas fronteiras".

 

A Deputación de Lugo puxo en marcha esta iniciativa de turismo de proximidade no ano 2021 e nela inclúense un total de 44 itinerarios que percorren os 67 concellos da provincia; aos que tamén se suman outras 7 rutas accesibles para facilitar a participación das persoas con mobilidade reducida.

Desde a súa posta en marcha participaron máis de 20.000 veciños e veciñas e, actualmente, estase a desenvolver a segunda quenda da sexta tempada, na que durante os meses de setembro e outubro hai previstas 54 viaxes, nas que participarán máis de 1.200 persoas de 32 concellos da provincia.

 

A mandataria provincial sinalou tamén que “esta iniciativa é unha maneira de fomentar o turismo de proximidade, pero tamén reforza o orgullo de pertencer a esta provincia e, sen dúbida, orixina un impacto económico moi importante”. Nese sentido “estímase que cada participante xera un retorno económico de 67 euros no sector turístico, o que supón máis dun millón de euros desde que arrancou”.