
Ibuprofeno Teatro representará en Viveiro a obra titulada Bio construción este sábado, día 14 de novembro. Será no Teatro Pastor Díaz ás 20:30 horas.
É un espectáculo de teatro contemporáneo en lingua galega para público adulto, cunha duración de 75 minutos. O elenco artístico está formado por: Marián Bañobre, Santiago Cortegoso e Macarena Montesinos.
A sinopse é a seguinte: “unha parella deixa o teatro para marchar a un lugar remoto e emprender, con toda a ilusión, o seu proxecto máis ambicioso: construír unha casa coas súas propias mans. A súa gran creación. E así pasan trinta anos, toda unha vida traballando, lonxe do mundo, cun compromiso inquebrantable. Entre o surrealismo e o absurdo, a peza pretende ser unha reflexión metafórica sobre o fracaso, a crise climática e ecolóxica, a inxustiza do sistema inmobiliario, o amor, o teatro e a estupidez humana na sociedade contemporánea”.


