A III Carreira Popular Sanci 5 KM disputarase o 30 de agosto no concello de Cervo

O concello de Cervo será o escenario da III Carreira Popular Sanci 5 KM o sábado 30 de agosto a partir das 18:00 horas e terá como punto neurálxico a Praza dos Campos en San Ciprián, onde se situará a saída e a meta do evento.

A cita deportiva foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; polo edil de Deportes, David Rodríguez; e por membros do Club Maderas Barcia Cervo, que organiza a cita coa colaboración do Concello de Cervo.

Tal e como explicaron desde a organización, a inscrición permanecerá aberta ata o 26 de agosto a través da ligazón tourmariña.com.

Ademais da carreira de adultos, tamén se establecerán percorridos alternativos adaptados ás crianzas, desde a categoría Pitufos Sub 8 ata Cadetes.

Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados en todas as categorías, obsequios para os mellor clasificados locais, e os 100 primeiros inscritos na  carreira de adultos recibirán unha camiseta técnica conmemorativa.

“Quero convidar a toda a veciñanza e ás persoas amantes do deporte, tanto de Cervo como de fóra, a que se sumen a esta III Carreira Popular Sanci 5 KM. É unha ocasión perfecta para gozar do exercicio, do ambiente festivo e para vivir San Ciprián dunha maneira diferente”, subliñou a rexedora Dolores García Caramés.