
Este sábado, día 15 de novembro, celebrarase a Marcha BTT Augas Santas, unha cita que vai xa pola súa cuarta edición e que reunirá a ciclistas afeccionados para facer un percorrido de 34 quilómetros con 1.300 metros de desnivel positivos.
A presentación da proba contou coa presenza de Dani García, concelleiro de Deportes en Barreiros e deputado provincial; Manolo Cadramón, xefe provincial de deportes da Xunta de Galicia; e Diego Carregal, membro da directiva do club organizador.
A marcha, de carácter non competitivo, está organizada pola A.D. Augas Santas de Barreiros e conta coa colaboración do Concello de Barreiros, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, da Secretaría Xeral para o Deporte, de Protección Civil de Barreiros e diversas empresas colaboradoras.
A saída será ás 9:30 horas desde a pista de pádel de San Miguel de Reinante e o percorrido discorrerá “por sendeiros debidamente marcados e acondicionados que levarán ás e aos ciclistas polos enclaves naturais máis fermosos do municipio”, anuncia o Concello de Barreiros.
As inscricións finalizan este xoves, 13 de novembro, e poden facerse dende a web de ccnorte.com. O número de prazas está limitado a 150 participantes.


