
O día 3 de maio, sábado, celebrarase a novena edición da Foliada e Feira de Artesanía de Cervo, que encherá de música e actividade a contorna da Praza do Souto e que contará un ano máis coa colaboración do Concello de Cervo e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Fervenza de Sargadelos, Fol do Raxal e A Morena organizan esta xornada cun amplo programa musical, con actuacións de Ailá (22.00 horas) e A Requinta de Lampai (14.00 horas), ademais dunha quincena de grupos de música tradicional no pasabares e na foliada.
O programa musical e a feira de artesanía compleméntanse con actividades para diferentes públicos durante toda a xornada: un obradoiro de pandeiro e pandeireta (Noemí Basanta) e un paseo guiado (Guido Guía) pola mañá; xogos tradicionais (Xogando nas Nubes) e obradoiros de baile tradicional (Marcos Botana) e de enredos musicais (Oli Xiráldez) pola tarde.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, animou a veciños e visitantes “a que se acheguen a desfrutar desta xornada en Cervo, na que se mesturan tradición, cultura e artesanía nunha contorna privilexiada como é a capitalidade municipal”. Tamén felicitou á organización, que é “todo un exemplo da riqueza cultural e asociativa que temos no noso municipio”, poñendo o foco na “capacidade para reunir a unha representación importante da riqueza folclórica tradicional da contorna” e deulles os parabéns “polo seu traballo incansable e pola ilusión que poñen en manter vivas as nosas tradicións. Grazas a iniciativas coma esta seguimos celebrando a nosa identidade, a nosa música, e a nosa tradición con orgullo”, apuntou a rexedora municipal.
“Anímovos a todas e todos a achegarvos, a gozar da festa, e a compartir momentos únicos nesta Foliada feita con agarimo e raíces, que nos conecta co mellor da nosa terra”, rematou Dolores García Caramés.
O deputado provincial de Mocidade, Daniel García, reafirmou “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co asociacionismo de base, cun
papel chave na dinamización cultural e, neste caso, moi especialmente na conservación e na promoción da música tradicional”.