Lar Libros, de Viveiro, editou a nova obra de María Xosé Porteiro, titulada #taméneu.

O Ateneo Ferrolán acolleu a presentación da nova obra de María Xosé Porteiro, titulada #taméneu, que editou LAR libros, de Viveiro. Nesta publicación, que está a venda na web www.libroslar.com, a autora opina sobre a revolución feminista en 77 traballos xornalísticos.

María Xosé Porteiro recibiu recoñecementos pola súa labor a prol do feminismo, en 2019, co premio 1º de maio de CCOO, e en 2020, co Ernestina Otero, da Comisión das Mulleres do Concello de Vigo. Desde os anos 80 publicou numerosas pezas xornalísticas sobre desta temática. A partir de 2017 dirixe o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura e nesta xeira participou en numerosos estudos e investigacións desde a súa Comisión de Igualdade. 

A edición de #taméneu é de LAR libros, que inaugura con esta obra unha colección de opinión, e que participou na presentación por medio de Manuel López. Tamén acompañou á autora a prologuista da obra, Llerena Perozo, e a directiva do Ateneo Ferrolán Sonia Mauriz.

Nesta publicación chama a atención a portada, coas cores identificativas do feminismo e unha imaxe en branco e negro do fotógrafo Vitín de las Heras, dunha manifestación feminista na Praza da Constitución, en Vigo, en 1983.