Lilá Teatro representará a obra "Cachopo máxico" na Casa da Cultura do Vicedo este domingo, 3 de decembro

Este domingo, 3 de decembro ás 19:30 horas na Casa da Cultura do Vicedo a compañía Lilá Teatro representará a obra "Cachopo Máxico", que é para todos os públicos e con entrada de balde. Esta actividade, organizada pola Asociación de Veciñ@s de San Román do Vicedo, encádrase dentro do Circuíto de Teatro Profesional 2023 da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O argumento da obra é o seguinte: “nunha pequena porción de terra, enriba dun monte que non se atopa en ningún mapa por ser demasiado pequeno e estar perdido entre as brétemas do esquecemento, pode divisarse unha casiña humilde e fermosa que nunca deixa de saír fume pola súa torta cheminea. Alí viven os Palpatore, unha familia singular porque coma ela non hai outra igual. Coa chegada do Nadal a casa Palpatore comeza a ferver, toca traballar sen descanso durante un mes e non están acostumados a tanto traqueteo. Eles son os mellores coñecedores de toda a maxia que acontece nesas datas de celebración”.