
A Xunta de Galicia colabora coa V Feira do Cabalo que se celebrará o domingo 26 de outubro en Lourenzá. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na presentación e confirmou o apoio do Goberno autonómico a un evento que “resalta e reafirma a tradicional relevancia do gando cabalar nesta zona da provincia”.
A feira, organizada polo colectivo Cabaleiros de Lourenzá, abrirase ás 9:00 horas e inclúe probas de andadura libre, un concurso morfo-funcional de poldros e a IV Final do Campionato Cabalo Marchador Galego. Ademais durante a xornada haberá mercado de compravenda de gando equino, vacún, ovino, caprino e porcino.
Outorgaranse distintos premios entre os participantes, ao que presente maior número de cabezas equinas, ou ao mellor exemplar de cabalo de tiro, pura raza árabe, pura raza española ou frisona, entre outros.


