
Os Plans con corazón continúan este venres e o domingo con actividades para explorar o xeodestino A Mariña Lucense, da man de guías locais expertos coñecedores do territorio.Os plans terán lugar os días 26 e 28 de setembro nos municipios de Lourenzá e Ourol, respectivamente. Os participantes terán a oportunidade de desfrutar de visitas moi especiais coas que explorar a historia e a paisaxe destes lugares da man dos guías locais.
LOURENZÁ-Venres 26 setembro
Un río de historia e patrimonio gastronómico con Carmen Delia
Un paseo fluvial para coñecer as orixes, as lendas e as paisaxes do concello, pero tamén para degustar produtos gastronómicos senlleiros, como é a Faba de Lourenzá. Os participantes coñecerán o proceso de produción desta leguminosa da man da Cooperativa Terras da Mariña e terán a oportunidade de catar unha innovadora elaboración culinaria con este produto,feita na Panadería Neli.
OUROL-Domingo 28 setembro
Besteburiz, onde nacen as fragas con Boris Vilar
Un percorrido de 9 quilómetros a través de espazos de enorme valor para a conservación da biodiversidade, no que destacan as breixeiras húmidas e as turbeiras dos altos de Ourol. Finalizará coa intervención de membros da Comunidade de Montes Veciñais de Miñotos, cuxa labor a través do manexo do gando é fundamental para a conservación do monte e dos ecosistemas da Serra do Xistral.
Información e reservas
Plans con corazón é un programa promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña en colaboración coa Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo. Aínda quedan algunhas prazas libres para estas actividades e para as programadas nas seguintes semanas, polo que as persoas que o desexen poden reservara súa praza a través do enlace:https://amarinalucense.gal/gl/a-marina-plans-con-corazon
As prazas son limitadas e cada actividade terá un custo que varía dos 5€ (inscrición individual), 9€ (inscrición en parella)e 15€ (inscrición grupal para un máximo de 5 persoas), un prezo que inclúe a visita guiada e os seguros de Responsabilidade Civil e accidentes.
O programa finalizará o vindeiro 12 de outubro, logo de desenvolver 16 rutas e visitas guiadas polos 16 concellos da Mariña Lucense, cunha variedade de propostas e percorridos que abranguen desde contornas urbanas ata espazos rurais, desde o litoral ata a Serra do Xistral, nunha iniciativa coa que coñecer o territorio e desfrutar actividades de lecer singulares.