Máis de mil nenos e nenas comerán este xoves, 11 de decembro, Peixe de Burela durante o Día do Orgullo Mariñeiro

A Fundación Expomar organiza a terceira edición do chamado Día do Orgullo Mariñeiro, que terá lugar en Burela e en toda a Mariña Lucense este xoves, día 11 de decembro. A Fundación Expomar volve poñer en valor a importancia da cultura mariñeira de Galicia coa celebración do terceiro Día do Orgullo Mariñeiro, que combinará este xoves a divulgación nas escolas, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía do mar para chegar a tódolos públicos. Esta acción está organizada pola Fundación Expomar coa colaboración do Concello de Burela e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, no marco das axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca y Acuicultura (FEMPA).

As actividades do día comezarán nos comedores de diferentes centros de ensino e servizos sociais da Mariña Lucense, onde se servirán máis de 1.000 racións de pota da lonxa de Burela nos seus menús diarios.

Ademais dos comedores do CEIP Plurilingüe Vista Alegre e CEIP Plurilingüe Os Castros, en Burela, os pratos de pota do Orgullo Mariñeiro de Burela chegan este ano a comedores de centros de ensino de toda A Mariña Lucense: a Escola Infantil O Bítere e o CEIP San Cosme, en Barreiros; en Foz o CEIP Plurilingüe Nº1 e o IES de Foz; o CEIP Antía Cal Vázquez de Muras; o CEIP Península de La Paz en San Cibrao; e en Viveiro á EEI San Roque, o CEIP Lois Tobío e o IES María Sarmiento.

Este ano súmanse á iniciativa tamén os comedores da Fundación Eu Son, en Burela, e da Asociación Saúde Mental A Mariña, en Cervo.

A segunda parte da xornada celébrase por la tarde no auditorio da Casa da Cultura de Burela, coa charla-coloquio titulada A muller e o mar, coa participación de distintas mulleres vinculadas aos oficios do mar: armadoras, estibadoras, redeiras e Administración.

No acto, que se celebra ás 18:30 horas e estará moderado pola xerente do GALP A Mariña-Ortegal, Rosa Ana González, intervirán Mª Eugenia González, armadora de Burela; Begoña Pernas, presidenta da Cooperativa de Estibadoras de Burela; María del Mar Febrero, presidenta da Asociación de Redeiras de Burela; e Ángeles Vázquez Suárez, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia.

Ao longo do evento terán lugar as actuacións especiais Cantiños Osa do Mar, a cargo do Grupo infantil SCR Ledicia e de Arumiños ACM Arume.

Este acto na Casa da Cultura de Burela complétase coas intervencións da presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, e da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, que clausurará a xornada cultural.

E o broche final deste Día do Orgullo Mariñeiro celebrarase na carpa da Praza da Mariña de Burela, onde, a partir das 8 da tarde, comeza a celebración gastronómica popular, con ambientación musical e unha degustación gratuíta de receitas elaboradas con diferentes especies da lonxa de Burela.

A organización explica que “para evitar as aglomeracións de anos anteriores, este ano limitarase o aforo no interior da carpa. O acceso seguirá sendo gratuíto, pero para poder entrar haberá que dispoñer de tícket de entrada, que se repartirán gratuitamente durante o acto na Casa da Cultura. Nesta festa popular do Peixe de Burela poderanse degustar racións de salpicón de pescada do pincho, empanada de bonito do norte e pota en salsa. E na carpa terá lugar outra actuación especial Cantiños Osa do Mar, a cargo do grupo Blood Skeleton.