
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, no marco do Plan de Sostibilidade Turística, participará na 28ª edición da Feira Internacional de Turismo de Interior, INTUR, que terá lugar do 13 ao 16 de novembro en Valladolid, cidade que, xunto co noroeste de Castela e León, alberga un público obxectivo de alto atractivo para a comarca.
No transcurso desta feira, que cada edición consolida máis a súa proxección internacional, a Mancomunidade estará en contacto, no marco de INTUR Negocios, con axencias de intermediación turística, cos profesionais e provedores de servizos co obxectivo de promover sinerxias e intercambiar información sobre servizos e produtos de potencial interese para o xeodestino.
No seu amplo stand, situado no Pavillón 2 e aberto ao público dende o venres ata o domingo, os visitantes e axentes turísticos poderán coñecer ademais, de primeira man, os moitos atractivos da Mariña como destino para vindeiras escapadas e vacacións. Trátase dun territorio rico e moi diverso, con personalidade propia e con propostas de valor que logra atraer cada ano a viaxeiros que elixen esta zona de Galicia para gozar do seu tempo libre.
Rocío López, presidenta da Mancomunidade, xunto coa xerente e o equipo técnico do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña, asistirán en representación do destino sumando esforzos a esta acción para favorecer a activación de novas canles de promoción e comercialización.
Aposta polo turismo sostible e responsable
A presidenta da Mancomunidade sinalou que “xunto co noso rico patrimonio natural e cultural, dous dos eixos fundamentais da Mariña, desde a Mancomunidade poñeremos o foco tamén no turismo activo, na gastronomía ou na artesanía, así coma no turismo deportivo, de natureza e aventura do territorio. A Mariña ten moito que ofrecer durante todo o ano”.
Así mesmo, a Mancomunidade de Concellos da Mariña defenderá en INTUR un modelo de turismo integrador, responsable e sostible, onde os visitantes poidan gozar de todos os seus activos turísticos, sempre respectando os recursos dispoñibles.
Esta actuación enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística da Mariña Lucense, cofinanciado pola Mancomunidade da Mariña, a Axencia Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.


