
O Pazo de San Marcos, en Lugo, acolleu este mércores a presentación da XII edición do torneo de fútbol sala base Heroes do Orzán, que reunirá na Mariña equipos de base en memoria de Rodrigo Maseda Lozano, policía burelés que perdeu a vida ao intentar rescatar a un mozo na praia coruñesa do Orzán en 2012 xunto a outros dous compañeiros, José Antonio Villamor e Javier López. O torneo, organizado pola Fundación Imdecum coa apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, celebrarase do 20 ao 24 de xuño en pavillóns de Burela (Vista Alegre e Monte Castelo), San Cibrao (A Veiga), Xove, Viveiro e Foz (Marzán), unha sede compartida “que estende pola comarca o seu impacto social e económico, ademais de reforzar a proxección do Burela FS como referente deportivo”, explica a Vicepresidencia da Deputación.
O torneo contará con máis de 1.000 participantes: xogadores, xogadoras e técnicos de 93 equipos de todas as categorías de base, desde biberón ata xuvenil, femininos, masculinos e mixtos, que xogarán un total de 181 partidos. Entre os participantes hai clubs de Galicia, pero tamén de Castela León, Madrid, Asturias, Cantabria e, por primeira vez, de Portugal.
Efrén Castro ratificou o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo á organización do torneo, que financia desde a primeira edición, en 2013. “No deporte falamos moitas veces de xestas heroicas para referirnos a logros deportivos, pero o exemplo destes tres rapaces é o que realmente fai honra a esa palabra”, destacou o vicepresidente, sinalando que “nada máis fermoso que un torneo de base para mantelos na memoria sempre e que un xesto así se siga recordando”.
O presidente da Fundación Imdecum, Marcelino Luna, destacou que “o torneo contará con representación masculina e feminina en todas as categorías”, subliñou “o impacto económico do Memorial na comarca, con máis de 600 persoas aloxadas en establecementos da comarca -de equipos de fóra da provincia- e agradeceu a colaboración dos concellos, que poñen os pavillóns a disposición do torneo.