A Milla Internacional do Cantábrico disputarase en Viveiro os días 17 e 18 de outubro

O Concello de Viveiro presentou a Milla Internacional do Cantábrico (MIC), un novo evento deportivo que se celebrará os vindeiros 17 e 18 de outubro e que “converterá a cidade nun referente do atletismo urbano”.

Esta nova aposta do Concello de Viveiro, organizador da cita xunto ao CD CAMOVI, reunirá durante unha fin de semana a Milla Internacional do Cantábrico, a 10K Cidade de Viveiro e a MIC Kids, ademais dun programa de actividades paralelas “pensado para que deportistas, familias e visitantes poidan vivir unha auténtica festa do atletismo”. A presentación serviu tamén para recoñecer ao atleta olímpico viveirense Adrián Ben, embaixador do evento.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, destacou que esta iniciativa vai moito máis alá dunha competición deportiva: “Este evento axudaranos a seguir posicionando Viveiro como un destino atractivo durante todo o ano, dinamizando a economía local e promovendo valores como a práctica deportiva, a vida saudable e a participación cidadá. Queremos que Viveiro sexa tamén un referente pola calidade dos eventos que organiza”.

A rexedora agradeceu o traballo realizado polo CD CAMOVI e por todas as persoas e entidades implicadas para facer realidade este proxecto, que “nace coa vocación de consolidarse dentro do calendario nacional”.

Pola súa banda, Adrián Ben mostrou a súa satisfacción por formar parte da iniciativa desde o seu inicio: “é un orgullo que un evento deste nivel naza en Viveiro. A MIC permitirá achegar o atletismo de elite á nosa comarca e inspirar ás novas xeracións. Estou convencido de que será unha cita que medrará ano tras ano”.

Desde a organización explicouse que a Milla Internacional do Cantábrico “nace como unha marca propia para proxectar Viveiro dentro e fóra de Galicia, combinando deporte, turismo e promoción do territorio. Así mesmo, destacouse o apoio institucional recibido e o papel fundamental do voluntariado e das empresas colaboradoras para facer posible o evento”.

O Concello de Viveiro tamén explica que “a programación combinará competición de máximo nivel con actividades para todos os públicos, incluíndo música en directo, encontros con atletas, sinatura de autógrafos, sorteos e unha zona de meta pensada para o desfrute de corredores e visitantes. Baixo o lema Tres eventos. Un mesmo escenario. Unha gran cita co atletismo, a MIC reunirá atletas nacionais e internacionais, corredores populares e centos de nenos e nenas nunha fin de semana que aspira a converter Viveiro na gran capital do atletismo urbano do norte”.

As inscricións abriranse este venres 31 de xullo ás 21:00 horas a través de mic.gal e ccnorte.com. Ademais mic.gal será a web oficial do evento, onde poderá consultarse toda a información actualizada sobre as probas, o programa completo da fin de semana, percorridos, regulamentos e todas as novidades da primeira edición da Milla Internacional do Cantábrico.