
Vén de presentarse unha nova edición do Mindus Maxicus, que terá lugar os días 29 e 30 de agosto, venres e sábado, en Mondoñedo. No acto, ao pé da estatua de Álvaro Cunqueiro, estiveron o alcalde, Manuel Otero, o concelleiro Manuel Tapia e un representante do espectáculo, Aris Villarino.
O Concello de Mondoñedo anuncia que “o programa deste ano, continúa a ser intenso e atractivo, e nel participarán os magos Aris Villarino, Mago Deimi, Mago Ninou e O Gran Mago, que encherán de maxia Mondoñedo na última fin de semana de agosto. Dentro das actividades que se levarán a cabo, hai que destacar: Maxia Solidaria, que se celebrará no Hospital de San Paulo e San Lázaro, na Residencia San Rafael e no Centro de Menores; Obradoiro Máxico e Gala Mindus Maxicus, na Casa da Xuventude; maxia na hostalería local. Dende o Concello de Mondoñedo e o equipo de magos queren convidarte a que veñas a Mondoñedo a gozar da maxia en estado puro durante esta última fin de semana de agosto”.