
O Nadal é un tempo para o encontro, para a reflexión e tamén para facer balance do camiño percorrido e do que queda por diante. Desde ACISA Ribadeo, este final de ano convértese nun momento axeitado para expresar un agradecemento sincero a todas as persoas e entidades que, co seu traballo e apoio, fan posible que o tecido empresarial da nosa vila siga vivo, dinámico e con futuro.
As nosas socias e socios son o verdadeiro corazón do comercio, da hostalaría e dos servizos de Ribadeo. Detrás de cada escaparate aceso, de cada porta aberta e de cada cliente atendido hai horas de esforzo, compromiso e dedicación, pero tamén hai unha firme aposta por permanecer, por resistir e por seguir facendo vila. Ese traballo diario é o que mantén vivas as nosas rúas, crea emprego e contribúe a facer de Ribadeo unha localidade acolledora, con identidade propia e capacidade para mirar cara adiante.
Por iso quero expresarlles un agradecemento especial pola confianza depositada na asociación, por crer no asociacionismo como ferramenta para avanzar, por apostar pola unión fronte ao individualismo e por entender o valor do traballo colectivo. A sua implicación fai posible unha ACISA máis forte, máis representativa e con maior capacidade de diálogo e de acción. Grazas a esa unión, podemos defender mellor os intereses comúns, impulsar iniciativas que benefician ao conxunto do comercio, da hostalaría e dos servizos, e actuar como interlocutores válidos diante das administracións e da sociedade.
O asociacionismo non só fortalece ás empresas que o integran, senón que aporta cohesión social, dinamiza a economía local e contribúe a construír vilas máis vivas, máis xustas e máis sostibles. Cando o tecido empresarial traballa unido, toda a sociedade sae beneficiada: mantéñense postos de traballo, créanse oportunidades, xérase actividade económica e refórzase o sentimento de pertenza. Por iso, debemos poñer en valor a súa confianza e compromiso, porque grazas a eles o esforzo colectivo convértese nun motor de progreso para Ribadeo e para todas as persoas que o habitan e visitan.
Este camiño non sería posible de facer por a nosa parte, sen a colaboración das administracións públicas e dos patrocinadores, que ao longo do ano apostan polos proxectos impulsados desde ACISA. A súa confianza permite desenvolver iniciativas que fortalecen o comercio de proximidade, dinamizan a economía local a través dos comercios e a hostalaría asociada e repercuten positivamente no conxunto da sociedade ribadense.
Un agradecemento especial merece tamén a clientela do comercio e da hostalaría local, así como a veciñanza e as persoas visitantes que escollen Ribadeo para mercar, para gozar da súa gastronomía e para compartir momentos en bares e terrazas. Cada compra, cada comida nun establecemento local e cada xesto de apoio ao consumo de proximidade son decisións que teñen un impacto directo na vida da vila e no seu futuro.
O Nadal invítanos a parar, a recoñecer o esforzo colectivo e a poñer en valor todo o que se constrúe día a día. Pero tamén é un tempo para mirar cara ao futuro con ilusión. Desde ACISA Ribadeo agardamos que o 2026 chegue cargado de saúde, de momentos compartidos en familia e amizade, de novas oportunidades e de proxectos que sigan facendo medrar Ribadeo e os seus negocios.
Porque as vilas teñen vida grazas ás súas tendas, aos seus bares e restaurantes, aos seus autónomos e empresas. Apostar polo local é apostar por emprego, por identidade e por futuro. E nese camiño, desde ACISA Ribadeo, seguiremos traballando da man de todos.


