Nas Feiras e Festas das Quendas, que se celebran en Mondoñedo ata o 4 de maio, haberá degustacións gratuítas de carnes de razas autóctonas

A Área de Rural da Deputación de Lugo promocionará a carne de poldro de Pura Raza Galega e de Porco Celta nas Feiras e Festas das Quendas de Mondoñedo, que se inauguran oficialmente esta tarde -co pregón de Xulia Nogueira – e que se alongarán ata o domingo.

A través do programa Un gusto de rural, un rural degusto, mañá, coincidindo coa Gran Feira Tradicional de Gando, a área dirixida por Daniel García organiza unha demostración de cociña e degustacións gratuítas de receitas con carnes destas razas autóctonas, a partir das 11.30 horas na Alameda.  

O público poderá degustar, gratuitamente, brioche de porco celta, encurtidos e crocante e hamburguesa gourmet de Poldro galego con queixo de San Simon da Costa

Ademais, do 2 ao 4 de maio, oito locais de hostalería mindonienses que se adheriron á iniciativa – O Petisco, Bodeguiña, Bodegón, Castro, Abadía, Rincón, Porriño e Galiana - ofrecerán tapas elaboradas con porco celta e carne de poldro do Pura Raza Galega.  Os locais recibiron  cinco quilos de carne de porco celta e oito de carne de poldro para preparar as elaboracións.

O deputado de Rural Daniel García agradeceu a colaboración da Asociación As San Lucas para “organizar estas degustacións coas que seguimos promocionando estes produtos de razas autóctonas, da man de ganderías locais” e lembrou que "consumir estes produtos é unha forma de contribuír colectivamente á viabilidade das granxas e o futuro dun sector fundamental para a conservacion do territorio e a fixación de poboación no rural"

As degustacións son parte do amplo programa de actividades organizado pola Asociacion As San Lucas para a celebración das Feiras e Festas das Quendas, coa gandería como elemento aglutinador.