No municipio de Cervo celebrarase a III ruta cabalar organizada por Cabaleiros da Bidueira o domingo 5 de abril

O municipio de Cervo será o escenario da III Ruta Cabalar, que se celebrará o vindeiro domingo 5 de abril, organizada pola asociación Cabaleiros da Bidueira coa colaboración do Concello, que anuncia: “a saída está programada para as 10:00 horas desde o polideportivo de San Román, punto de inicio dun percorrido pensado para desfrutar da contorna natural e da afección polo mundo ecuestre. Durante a ruta, haberá un aperitivo para os participantes a metade do traxecto, nunha xornada que combinará deporte, natureza e convivencia”.

O Concello de Cervo explica tamén que “unha vez rematada a ruta a actividade continuará no polideportivo con sesión vermú e baile amenizado por Disco Móbil Conxuro. Ademais celebrarase un xantar aberto tanto ás persoas inscritas na ruta como a quen desexe asistir, con ou sen cabalo. O menú estará composto por paella, costela asada, sobremesa, bebida e chupito. O prezo do xantar será de 28 euros para adultos e 13 euros para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. As inscricións permanecerán abertas ata o 2 de abril e poden formalizarse nos teléfonos 657.25.64.08 e 677.53.92.85.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, quixo salientar a importancia deste tipo de iniciativas, “que contribúen a dinamizar o noso concello e a poñer en valor o noso entorno natural desde unha perspectiva diferente”. Ademais destacou o labor da asociación organizadora, “un colectivo implicado que, coa súa ilusión e traballo, está conseguindo consolidar esta cita no calendario local”. Así mesmo animou a veciñanza e visitantes a participar nesta xornada, “pensada para desfrutar en boa compañía, tanto para as persoas afeccionadas ao mundo ecuestre como para quen simplemente queira pasar un día distinto en Cervo”.