
Coincidindo coas festas patronais, o Concello de Trabada organiza os días 15 e 16 de agosto, venres e sábado, unhas xornadas de portas abertas no Museo Etnográfico Xosé Rocha de 18:30 a 20:30 horas.
O Concello de Trabada anuncia que “durante ambas tardes a veciñanza e visitantes poderán achegarse a este espazo dedicado á memoria colectiva e ao patrimonio cultural de Trabada. Ademais ás 18:30 horas de cada día haberá visitas guiadas, nas que se explicará o contido das exposicións e o valor histórico dos obxectos recollidos no museo. Estas xornadas supoñen tamén unha homenaxe ao legado e á memoria de Xosé Rocha, figura clave para a recuperación e preservación da historia local a través do seu traballo como recompilador e divulgador da cultura popular”.
O alcalde de Trabada, Rubén García, sinalou que “o Museo Etnográfico Xosé Rocha é un exemplo do que se pode conseguir cando hai compromiso co noso pasado e coa nosa identidade. Queremos que toda a veciñanza, e tamén quen nos visite nestes días, poida coñecer e valorar este legado. Seguiremos traballando por manter vivo o patrimonio cultural do municipio e facilitar espazos para a súa difusión e desfrute”.
Desde o Concello de Trabada anímase á participación nesta actividade, que “forma parte do compromiso municipal coa posta en valor do patrimonio etnográfico e coa dinamización cultural do territorio”.