
A membro da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Regueiro, e a deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, presentaron esta mañá unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo na provincia, o circuíto de cinema galego que “achega as producións máis destacadas do audiovisual galego a concellos sen salas comerciais”, anuncia a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O concello de Foz acollerá as proxeccións desta nova edición do ciclo, que “continúa achegando o audiovisual galego a vilas sen salas comerciais e reforzando a rede cultural da provincia”.
Nesta edición o público poderá ver un total de oito títulos: Sirât, As liñas descontinuas, Antes de nós, San Simón, 360 curvas, O son da nova regueifa, Deuses de pedra e O silencio herdado.
O apoio da Deputación “foi clave para o éxito da iniciativa nestes catro anos, nos que se levaron a cabo 232 sesións de cinema, que reuniron un total de 6.010 espectadores e espectadoras. Estes datos consolidan o ciclo como un dos proxectos culturais con maior implantación territorial na provincia de Lugo”. Nesta liña, Lucía Regueiro sinalou: “estamos seguros de que a calidade das películas seleccionadas nesta edición 2026 e a resposta do público darán continuidade a estes excelentes resultados de asistencia”.
A Vicepresidencia da Deputación engade que “durante estes anos na provincia de Lugo participaron xa numerosos concellos, cun total de 40 películas proxectadas, 232 sesións de cinema e 6.010 espectadores e espectadoras”.
A deputada provincial de Cultura, Iria Castro, valorou “a continuidade deste ciclo que puxemos en marcha da man da Academia Galega en 2022 para achegar o audiovisual en galego a vilas que non contan con salas comerciais. Abrimos novas canles de difusión para as producións en galego, achegando a elas un público moi heterexéneo, mais aló dos espectadores e espectadoras que acoden habitualmente ás salas de cine".
A responsable de Cultura explicou que “o ciclo de proxeccións dá continuidade a un ano en que Lugo foi centro do audiovisual galego, coa celebración na cidade da gala dos Premios Mestre Mateo” e destacou “a ampla representación de profesionais das comarcas de Lugo na factura das películas e documentais que se proxectarán, como finalistas dos Premios Mestre Mateo nestas categorías”.
Pola súa parte Lucía Regueiro destacou que “unha cuestión importante para a Academia é a conexión do público co cinema que se produce actualmente en Galicia. Por iso, un dos obxectivos principais do Ciclo Mestre Mateo é facilitar ás persoas o acceso a unha programación de
cinema galego actual e de calidade e, moi especialmente, a todas aquelas que non contan cunha oferta de cinema comercial nas súas vilas”.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo destaca que “o Ciclo Mestre Mateo, creado pola Academia Galega do Audiovisual en 2022 co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e replicado logo noutros ámbitos xeográficos, consolidouse como un proxecto clave para levar o cinema galego de calidade a vilas sen salas comerciais, creando unha rede de exhibición en centros culturais, auditorios e bibliotecas por toda Galicia. Ao longo das súas edicións, o ciclo contribuíu a facer accesibles producións destacadas do audiovisual galego, superando as limitacións dos circuítos comerciais e reforzando o vínculo da cidadanía co seu propio cinema”.
O proxecto conta coa colaboración de varias entidades, entre elas o Concello de Foz, que organiza a programación das proxeccións nese municipio. As datas e horarios actualízanse na web ciclomestremateo.gal.


