A nova tempada da Escola Municipal de Surf en Barreiros comezará o 8 de abril

Por quinto ano consecutivo o surf ten presenza nas Escolas Deportivas Municipais de Barreiros. O concelleiro de Deportes, Daniel García, reuniuse co responsable da academia local de surf LA Academia del Surf, Luís Fernández, para presentar oficialmente a Escola Municipal de Surf desta tempada 25/26, que dará comezo o vindeiro 08 de abril na praia sede da actividade, a de Coto.

O Concello de Barreiros explica que “a Escola de Surf é unha das seis que se inclúen no programa deportivo e que cada ano vai atraendo a máis crianzas do concello e doutros veciños”. Neste senso o edil de Deportes sinala que “ofertar a actividade de surf é unha maneira de apostar polo deporte e reivindicar a súa práctica dende a base, xa que nun concello coma o de Barreiros contamos con praias de riqueza incalculable para a practica deste deporte”.

As inscricións están abertas para todas aquelas crianzas nadas entre o 2009 e 2017 e a súa formalización farase nas oficinas municipais do Concello de Barreiros.