O 1 de febreiro terá lugar en Rinlo un paseo guiado por Ana Pena en colaboración con Guido Guía

O vindeiro 1 de febreiro ás 11:00 horas terá lugar en Rinlo o primeiro paseo guiado do novo programa “Descubrindo o Noroeste”, unha iniciativa divulgativa de Guido Guía e outros 12 guías que pretende dar a coñecer o patrimonio, a historia e o modo de vida das localidades do noroeste peninsular a través de itinerarios abertos ao público.

A actividade estará guiada nesta ocasión por Ana Pena, guía oficial de Turismo de Galicia, e levará ás persoas participantes a descubrir a realidade mariñeira de Rinlo, unha vila costeira con forte identidade vinculada ao mar e á construción de cetarias. Ao longo do percorrido abordarase a súa evolución histórica, o aproveitamento do seu litoral, e a relación da comunidade co medio mariño.

O paseo, de 4 quilómetros de distancia e dificultade baixa, terá unha duración aproximada de 2 horas e media. A saída será desde a Praza de Santa Catarina e estará aberta tamén para persoas que acudan con mascotas, dado que son benvidas nesta e no resto de actividades.

A inscrición ten un custo de 12 euros por persoa, con desconto do 20 % para menores de 18 anos e gratuíto para nenos e nenas de 0 a 2 anos. As reservas deben realizarse a través do correo electrónico: info@paseosguiados.com.

Con esta proposta, o programa “Descubrindo o Noroeste” inicia un calendario de paseos polo territorio ao longo do ano, consolidando unha oferta cultural e turística baseada na divulgación e no coñecemento do territorio.