
O día 10 de marzo ábrese o prazo de inscrición para participar nas actividades que organiza o Concello de Ribadeo para a rapazada durante a Semana Santa.
O concelleiro de Deportes e Mocidade, Francisco José Silvent, explicou que “haberá Pequemultiaventura de Primavera, tres días para xogar sen parar con xogos superdivertidos, deporte e movemento, obradoiros creativos, etc… serán o 30 e 31 de marzo e o 1 de abril no Ceip Gregorio Sanz para nenas e nenos desde os 4 anos en horario de 10 a 14 horas. Contaremos con servizo de conciliación entre as 8 e as 15 horas”.
O edil ribadense seguiu a relatar que “o verán empeza en abril en Ribadeo. Teremos Activa Mente, corpo e creatividade. Será o adestramento oficial para vivir un verán épico con xogos dinámicos e retos en equipo, deporte e movemento para activar corpo e mente, obradoiros creativos e experiencias diferentes. Esta actividade está destinada a rapazas e rapaces a partir de 12 anos. Será tamén os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril no Gregorio Sanz en horario de 10 a 14 horas e haberá servizo de conciliación”.
Silvent contou ademais: “tamén gozaremos de Retro Arcade Day, unha tarde para xogar como nunca no Teatro o 31 de marzo de 16:30 a 20:30 horas. A actividade é para nenas e nenos de máis de 10 anos. Haberá Arcades, Gameboy XXL, Zona Gaming de realidade virtual, canastra dobre con marcador electrónico, taller musical e taller Hamma Beads Pixels”. E subliñou: “cremos que é unha oferta moi variada para que a rapazada de Ribadeo goce da Semana Santa dun xeito diferente e para que pais e nais poidan conciliar a súa vida laboral e familiar eses días”.
A inscrición debe realizarse na Casa da Xuventude e “estará aberta ata cubrir as prazas ofertadas”.


