O 15 de abril homenaxearán en Lourenzá ao actor e escritor Manuel Lourenzo

A Biblioteca Maravilhas-Escola de Arroxo, no municipio de Lourenzá, acollerá unha homenaxe ao actor e escritor Manuel Lourenzá, que naceu en Ferreira do Valadouro o 15 de abril de 1943 e faleceu na Coruña o 10 de agosto de 2025. A actividade será o mércores 15 de abril ás 19 horas.

A organización do evento anuncia que “consistirá nun recitado de catro poemas de Luís Seoane seleccionados por Manuel Lourenzo para ser recitados por el mesmo; así falarámolo o 24 de xaneiro de 2025, día do nacemento de Maruja Seoane. Neste 15 de abril serán os actores Santi Romay e Xosé Manuel Esperante os que lles poñan voz aos poemas e agardamos una pequena sorpresa. Con este motivo publicarase un pequeno libro cos catro poemas de Luís Seoane e recollidos coa letra autógrafa de Manuel Lourenzo. Tamén no mesmo día farase público o Premio de Teatro Manuel Lourenzo, que se dará a coñecer o 15 de abril de 2027 e terá carácter bianual. Seguindo coa homenaxe a Manuel Lourenzo, unirémola ao XX Agasallo a Luís Seoane no seu día de nacemento, 1 de xuño, que se celebrará no Pazo de Goiáns-Boiro coa colaboración da Fundación Alcalde Varela con Xosé Manuel Esperante e Santi Romay como recitadores e plantando tres plantas de ruda e un allo verde en lembranza do libro de lendas de Luís Seoane Tres hojas de ruda y un ajo verde (Ediciones Botella al mar, Buenos Aires 1948). O mércores 3 de xuño a homenaxe conxunta a estes dous artistas unidos pola amizade, a palabra e o compromiso será no Centro Social de Barcia-Carral coa intervención de Santi Romay e Xosé Manuel Esperante como recitadores dos catro poemas de Luís Seoane e a colocación no novo lugar da placa dedicada a Maruja e Luís Seoane, instalada en 2017 no Val de Barcia con motivo do XI Agasallo a Luís Seoane. Esta homenaxe conxunta pode ir a máis lugares, só hai que propoñelo e buscarase a maneira. Manuel Lourenzo e Luís Seoane, dous artistas galegos viaxeiros pola Galiza e polo mundo”.