O vindeiro 25 de setembro terá lugar a segunda edición do Orienta Ribadeo, unha actividade de aventura familiar e de balde. A inscrición estará aberta desde hoxe e ata o 21 deste mes.
Desde a OMIX explican que “chega a segunda edición do Orienta Ribadeo co obxectivo de por en valor o noso concello mediante unha actividade innovadora, segura, saudable, participativa e de carácter familiar. A empresa galega Territorio Comanche deseñou para o Concello esta actividade”.
Orienta Ribadeo terá lugar desde as 11.00 horas da mañá do domingo 25 de setembro. Os participantes deberán percorrer a pé unha distancia variable, intentando localizar unha serie de puntos de control ou balizas e superando diversas probas, tanto físicas como de coñecemento. O tempo máximo para realizar a proba é de dúas horas e media e os equipos deberán acadar o maior número de puntos posibles decidindo libremente a orde de busca e o ritmo a seguir (andando ou correndo), non sendo obrigatorio o paso por todos eles, polo que a condición física ou idade non é o relevante, o importante é o factor estratéxico, a toma de decisións e o traballo en equipo.
Os equipos deberán estar formados por un mínimo de tres integrantes ata un máximo de cinco, e estableceranse dúas categorías: Xoves Castores (onde a lo menos, haxa unha persoa menor de 12 anos) e Explorers (todos maiores de 12 anos ). Todos os participantes recibirán o material necesario para a realización da proba, contarán con seguro de responsabilidade civil e de accidentes e faráselles entrega de avituallamento.