
O pavillón municipal de deportes acollerá este sábado, 7 de marzo, o XVIII Torneo de Ximnasia Rítmica Concello de Ribadeo, que reunirá a 700 participantes. O evento está organizado polo club local Escola Porta Norte e polo Concello, e conta coa colaboración de Acisa, Gadis, Deporte Galego, Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Construcciones Metálicas Cotarelo.
Nelly Bouso, directora técnica da Escola Porta Norte, comentou que “na cita contaremos coa participación de 700 ximnastas, todas procedentes da provincia de Lugo, así como un club convidado que ven de Pontevedra. A competición pola mañá dará comezo ás 10 e pola tarde ás 16:30 horas”.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent subliñou que “vai ser un sábado moi importante para Ribadeo no ámbito deportivo e para a súa dinamización hostaleira e comercial, porque estamos a falar da presenza de 700 ximnastas e dos seus acompañantes durante toda a xornada na nosa vila”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, declarou que “desde Acisa colaboramos un ano máis con este evento deportivo, xa que supón a presenza en Ribadeo de máis de 1.500 persoas. Un torneo destas características xera un importante impacto económico na hostalería local. Felicitamos á Escola Porta Norte polo traballo que está a realizar”.
Silvent animou a asistir: “os amantes da ximnasia rítmica teñen unha cita esta sábado en Ribadeo para gozar con este torneo e con esta disciplina deportiva, tan implantada no noso concello”.
Na presentación do XVIII Torneo de Ximnasia Rítmica Concello de Ribadeo participaron o alcalde, Dani Vega, o concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, a directora técnica da Escola Porta Norte, Nelly Bouso, así como a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.


