O 8 de marzo partirá de Ribadeo a quinta edición da ruta Camiño do Mar Concello a Concello

O día 8 de marzo, domingo, partirá de Ribadeo a quinta edición da ruta Camiño do Mar Concello a Concello. No Pazo de Ibáñez tivo lugar este martes a presentación, na que participaron o alcalde, Dani Vega; a concelleira de Turismo, Marta Saiz; o presidente da asociación de Amigos del Camino del Mar (organizadora do evento), Manuel Vicente; e a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado.

Manuel Vicente indicou: “eu creo que o Camiño do Mar é unha oportunidade non só para a Ribadeo, senón para a toda comarca e un pouco tamén recuperar a hospitalidade que sempre tivo Ribadeo, a hospitalidade que sempre tivo a comarca, e é invitar a toda a xente que poida a participar nesta quinta edición do Camiño do Mar Concello a Concello para recorrer os 280 quilómetros, contando coa colaboración de todos os concellos polos que pasa o Camiño do Mar. Agradecervos hoxe a todos vosoutros hoxe aquí representados todos os alcaldes dos concellos polos que discorre o Camiño do Mar, a Dani Vega, aos concelleiros, a Carmen Cruzado, un pouco en presentación da sociedade de todos os municipios polos que pasa o Camiño do Mar. E invitar a todos a participar nesta quinta edición, que arrincará en Ribadeo o vindeiro 8 de marzo desde Ribadeo”.

Carmen Cruzado declarou: “estamos encantados de colaborar nesta quinta edición do Camiño do Mar Concello a Concello, para o comercio, a hostalería, a restauración, os aloxamentos, os albergues, para todos é moi importante o Camiño do Mar e tamén o Camiño Norte, non nos vamos esquecer del, evidentemente son un revulsivo económico importante. Acisa é punto de selado das credenciais do peregrino e agardamos poder seguir colaborando moitos anos mais e que esta iniciativa sexa todo un éxito, como sempre”.

E o alcalde, Dani Vega, dixo: “isto crea riqueza e crea valor. Unímonos todos porque consideramos que o Camiño do Mar, o Camiño Norte, dous camiños que ten Ribadeo, porta de entrada, de inicio de dos camiños, creo que debemos sabelo aproveitar. Agradecémoslle a Manuel Vicente, a ti e a toda asociación, que pense en Ribadeo e que pense en conxunto de comarca e tamén Acisa, que sempre sabe facer moi ben o que é aproveitar todo para impulsar o noso comercio. Ribadeo é capital comercial, polo tanto é bo que nun espazo no que temos o comercio en aberto todo o noso patrimonio poñelo en valor polo mar e tamén a través do Camiño Norte, que é patrimonio da humanidade. Nunca nos esquezamos que é un patrimonio que nos deixaron, que nos entregaron e agora temos a responsabilidade de coidalo. Moitas grazas a todos e fagamos o Camiño”.