O 9 de novembro comeza en Foz o ciclo de charlas médicas que organiza o Concello en colaboración co Hospital da Costa.

O Concello de Foz organiza unha nova edición do ciclo de charlas médicas, que dará comezo este xoves, día 9. Estas conferencias, que foron presentadas hoxe polo alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira; a xerente executiva do Hospital da Costa, María José Cortés Canay; e a subdirectora médica do centro, Eva López Roca, continuarán os días 16 e 23 deste mes e terán lugar na Casa da Cultura, ás 20:00 horas. Os temas que se abordarán este ano serán o cancro de mama, o cancro de colon e o ictus.

O rexedor focego anunciou: “vimos de presentar unha edición máis das charlas médicas do Concello de Foz. Son xa máis de quince anos cun clásico no mes de novembro. Empezaremos este xoves, día 9, e son tres charlas que coinciden todos os xoves ata o día 23, na Casa da Cultura, con diferente temática. Neste caso apostamos o primeiro día polo cancro de mama, o segundo dia co cancro de colon e o último día por un tema que tamén está ao día como é o ictus”.

Javier Castiñeira quixo “darlle as grazas sempre á colaboración inestimable que temos do Hospital da Costa, de Burela, neste caso aos seus representantes: á xerente e á subdirectora médica. Sempre temos esa colaboración, creo que é unha forma de achegarnos aos nosos veciños. Para moita xente que poida ter dúbidas son temas importantes do día a día e creo que é unha colaboración entre ambas administracións fundamental para que ante todos estes problemas médicos e de saúde que moitas veces temos os veciños teñamos esa proximidade do Hospital da Costa, de Burela, proximidade dos médicos e dos especialistas que se desprazan aos sitios de residencia para humanizar un pouco a profesión e facilitarlle á xente máis información”.
O alcalde espera “ver a todos aqueles que o desexen, de Foz e das cercanías, nas charlas médicas que empezaran este xoves 9 ás 20:00 horas na Casa da Cultura”.

Pola súa banda a xerente executiva do Hospital da Costa, María José Cortés, manifestou que “o Hospital da Costa sempre está disposto a colaborar cos concellos nas labores de difusión das patoloxías máis frecuentes e de información do que hai que facer para previr e tratar precozmente as enfermidades”.

A xerente detallou que “este ano os temas que escollemos son sobre todo de prevención. Imos falar o día 9 na primeira charla, impartida pola doutora Sara López, unha das cirurxías do Hospital da Costa, que vai falar do cancro de mama e vai estar centrada na patoloxía do cancro de mama no varón. Digamos que é case un gran descoñecido porque sempre falamos desta patoloxía na muller pero tamén hai cancro de mama no varón. O seguinte tema será o xoves 16, vai impartilo o doutor Pablo Ventura, un dos internistas do Hospital da Costa, e vai falar do cancro de colon, centrado tamén na detección precoz. Agora recentemente estase a implantar o programa de detección precoz de cancro de colon, que vai empezar a funcionar na Mariña e imos coñecer este programa, en que consiste e cales son os síntomas de alarma para poder previr e detectar precozmente esta enfermidade. Por último o xoves 23, imos contar coa presenza do doutor Carlos Nieto, que é un dos médicos da UCI do Hospital da Costa e que nos vai falar do ictus. Tamén é un tema de gran importancia, a poboación ten que coñecer cales son os síntomas iniciais para poder actuar de forma precoz e poder tratalo nas primeiras horas”.

María José Cortés engadiu que “estes son os temas que escollemos para estas xornadas neste ano 2017 e esperamos que sexan de interese para todos. Os profesionais que os prepararon están moi ben formados nestes temas e eu creo que van facer unha exposición atractiva para todos os asistentes”.