
O domingo 22 de marzo ás doce do mediodía terá lugar a presentación en Mondoñedo da cuarta novela do autor alfocés Lionel Rexes: As donas da noite. Será na Casa da Penela, na parroquia de Vilamor.
Galardoada o pasado ano co premio Balbino de Relatos, convocado por Edicións Fervenza, As donas da noite "é un texto orientado ao público xuvenil, aínda que apto para calquera tipo de lector. No seu argumento están presentes varios eixos que poñen o foco na dicotomía urbe/rural, mais, sobre todo, na incorporación ao ámbito aldeán de persoas novas e orixinarias da cidade. Do mesmo xeito, a trama incide na problemática da acollida de determinadas formas de pensamento e a comprensión da defensa de causas sociais por parte das sociedades rurais. Así, con estas premisas, desenvólvese un argumento que recrea a chegada dun grupo de mozos a unha aldea de hoxe en día. Trátase de catro universitarios que só pretenden pasar uns días para planear a implantación dun sindicato estudantil nas súas facultades, non obstante, contan con alguén nesa comarca para instruílos ideoloxicamente, unha persoa máis vella ca eles que ao mesmo tempo os irá introducindo nun mundo descoñecido, complexo e delirante”, explica Lionel Rexes.
O acto de presentación terá lugar na Casa da Penela, un estabelecemento de turismo rural da mindoniense parroquia de Vilamor, lugar onde Lionel Rexes presenta todas as súas obras, pois alí, de maneira casual, naceu o argumento da súa primeira novela (A raíña das velutinas) hai dez anos. Por iso desta volta, o evento servirá tamén como recordatorio daquel encontro sobre a memoria histórica que o autor empregou como materia para a súa novela.
No acto o autor estará acompañado por Xulio R. Leiras (histórico activista cultural e sindicalista mindoniense) e Bernardo Penabade, profesor xubilado de lingua e literatura, impulsor do Proxecto Neo e máis da Escola para Neofalantes.


