Burela acollerá os días 25 e 26 de maio o campionato galego de mountain bike 'Enduro Monte Castelo'. O evento contará cunha participación estimada de 180 deportistas.
O día 25 de maio, sábado, terá lugar a proba de remontes de tramo urbano de 10:00 a 13:30 e de 15:00 a 18:00 horas, así como a proba TC0 crono en tramo urbano. Ao día seguinte, o domingo 26 de maio, será a quenda da carreira enduro de 5 tramos, que se desenvolverá entre as 9:00 e as 15:00 horas. En total, o campionato constará de 28 quilómetros de probas e 1.400 metros de desnivel.
“Apostamos forte por este tipo de actividades, xa que a mestura de monte e de entorno urbano fai de Burela un enclave perfecto para estas competicións”, sinala a alcaldesa, Carmela López.
Pola súa banda o presidente do Club Cerezo Bikes e co-organizador do evento, Jaime Seijas, destaca que este ano haberá “grandes novidades, como a de que o primeiro tramo cronometrado comezará o sábado 25 ás 18:00 horas no tramo urbano. Estamos moi contentos da axuda recibida por parte do Concello, así como de establecementos de comercio e restauración, que supoñen unha gran axuda”. Ademais anuncia: “teremos tamén un concerto de clásicos de rock co grupo Pantera Rosa o sábado á noite na praza do Concello. Debido ó éxito do ano pasado este agardamos tamén unha gran afluencia de público”.