O CD San Ciprián, a SD Burela, a UD Xove Lago e o CD Foz disputarán o VIII Trofeo Maruxaina de fútbol o 7 de agosto

O Campo Municipal da Veiga será o escenario do VIII Torneo Maruxaina, que se celebrará o xoves 7 de agosto “nunha intensa xornada de fútbol con catro equipos destacados da comarca”, anuncia o Concello de Cervo. A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, o presidente do club anfitrión, Eduardo Rubal, e o director deportivo, Félix Martins, nas instalacións da Veiga. O evento, organizado polo C.D. San Ciprián coa colaboración do Concello de Cervo, contará con estes equipos: C.D. San Ciprián (2ª FUTGAL), U.D. Xove Lago (1ª FUTGAL), S.D. Burela (Preferente) e C.D. Foz (1ª FUTGAL).

A competición desenvolverase en formato eliminatorio, con dúas semifinais programadas para as 18:00 e 19:00 horas, que enfrontarán ao CD San Ciprián e a UD Xove Lago e o CD Foz e a SD Burela, respectivamente. A loita polo 3º e 4º posto terá lugar ás 20:00 horas e a final está prevista para as 21:00 horas.

Este torneo, que xa vai pola súa oitava edición, enmárcase dentro das actividades deportivas e culturais da Festa da Maruxaina, “un dos eventos máis emblemáticos do verán cervense”.

Dende o Concello de Cervo convidan a veciñanza e visitantes a achegarse ao campo “para gozar dunha xornada de fútbol e convivencia, apoiando ao deporte local e reforzando o tecido asociativo do municipio”.