O Centro Comercial Histórico de Viveiro impulsa unha nova edición do Street Market con descontos especiais do 18 ao 21 de agosto

O Centro Comercial Histórico de Viveiro pon en marcha unha nova edición da campaña Street Market, unha iniciativa coa que busca dinamizar o comercio local e incentivar as compras de proximidade coincidindo co remate do período de rebaixas. A acción desenvolverase do martes 18 ao venres 21 de agosto coa participación de preto de 30 establecementos.

Durante catro días os comercios adheridos ofrecerán “promocións especiais e importantes descontos en milleiros de artigos de tempada, convertendo o centro de Viveiro nun gran mercado ao aire libre no que os clientes poderán acceder a produtos de primeiras marcas a prezos moi competitivos”, anuncia o CCH de Viveiro, que engade: “sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan unha parte dos establecementos sacará os seus produtos ao exterior, situándoos diante das fachadas para facilitar que veciños e visitantes poidan descubrir as ofertas dun xeito máis cómodo e visual. Ademais a experiencia de compra estará acompañada de música ambiental grazas aos máis de dous quilómetros de fío musical instalados na área comercial”.

A campaña contará coa participación de negocios de diferentes sectores, como moda, calzado, complementos, infantil, deportes, lencería e mercería, óptica, mobles e decoración florarías e cerámica, entre outros. “Esta ampla variedade permitirá aos clientes atopar auténticas oportunidades en artigos de calidade e primeiras marcas”, destaca o CCH de Viveiro, que tamén explica que os establecementos participantes estarán identificados con carteis específicos da campaña Street Market, “o que facilitará aos visitantes localizar os comercios adheridos e aproveitar as promocións dispoñibles”.

Desde o Centro Comercial Histórico de Viveiro animan tanto á veciñanza como aos visitantes a achegarse durante estes días ao centro da vila “para gozar dunha experiencia de compra diferente, percorrendo as súas rúas, aproveitando os descontos e completando a visita coa ampla oferta hostaleira e gastronómica de Viveiro”.

 

Con iniciativas como o Street Market, o Centro Comercial Histórico de Viveiro “continúa apostando por reforzar a actividade do comercio local, poñendo en valor a atención personalizada, a proximidade e a calidade que caracterizan aos establecementos da vila, ao tempo que contribúe á dinamización económica e social do centro histórico, contando sempre ca colaboración da Xunta de Galicia dentro das actividades de dinamización a Centros Comerciais Abertos”.

O CCHV tamén anuncia que o comercio de Viveiro “abrirá o festivo do sábado 15 de agosto en horario de mañá porque así se decidiu pola maioría dos negocios asociados ó CCHV. A apertura será de 11 a 14 horas, que é o horario de festivos. Nestas datas de moita afluencia de xente á vila e dous días festivos consecutivos, o comercio abrirá para poder dar servizo comercial tanto á xente da vila como ós visitantes que se achegan estes días a Viveiro”.