
A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro pon en marcha a campaña da volta ó cole co taller para nenos Decora a túa mochila este venres, día 5 de setembro. “Nesta ocasión apostamos por seguir premiando a fidelidade dos nosos clientes con algo especial para estas datas nas que as familias están a preparar a volta ó cole dos rapaces, e realizaremos 3 talleres para nenos. A temática é Decora a túa mochila, onde os rapaces votarán man da súa imaxinación e habilidades como artistas e poderán decorar unha mochila de tela. Será o venres día 5 de setembro na Sala Multiusos do Concello en tres horarios: de 12 a 13, de 18 a 19 e de 19 a 20 horas. É necesaria inscrición enviando un mail a info@viveirocentro.com ou ó WhatsApp 650.506.717 indicando o nome, idade e horario elixido, xunto cun ticket de compra de calquera negocio asociado ó CCHV”, explica o Centro Histórico de Viveiro.
O CCHV engade: “con esta iniciativa intentamos dinamizar esta data comercial importante para o comercio local e mentres os rapaces pasan un anaco divertido o papás poden realizar as compras con maior tranquilidade. Esta actividade conta ca colaboración da Xunta de Galicia dentro dos programas de dinamización de centros comerciais abertos. Os obxectivos perseguidos con tódalas campañas que pon en marcha a asociación, son por unha parte a de premiar a fidelidade dos clientes que apostan por mercar no comercio local, e por outra parte fomentar a unión de tódolos comerciantes da zoa para traballar en conxunto e dinamizar o comercio de Viveiro”.
Toda a información pódese consultar na web www.viveirocentro.com, na App ViveiroCCH e no perfil de Facebook, X e Instagram.
O Centro Histórico de Viveiro anuncia ademais: “tamén a partir do 1 de setembro nos unimos á campaña posta en marcha pola Deputación de Lugo e a Federación Galega de Comercio, na que se sortearán 90 bonos de 250 euros cada un. O xeito de participar é moi sinxelo, simplemente por subir un ticket de compra do comercio local á web www.bonosdeputacionlugo.com/voltacole. Tickets válidos do 1 ó 30 de setembro. Sortéanse 22.500 euros na provincia de Lugo, repartidos en 90 tarxetas prepago de 250 euros cada unha, que se poderán empregar para volver a mercar no comercio local. O sorteo será o 2 de outubro e ademais realizarase un acto de entrega de premios a mediados de outubro no que se sorteará un gran premio final de 2.500 euros para gastar nun só dia na localidade elixida pola persoa que resulte gañadora. O obxectivo da campaña é incentivar as compras no comercio de proximidade durante a campaña da Volta ó cole e premiar o esforzo que supón para as familias”.