O centro sociocultural de Barreiros acolle unha exposición sobre mulleres artistas ata o 30 de xullo

O centro sociocultural de Barreiros acolle a exposición titulada Miradas. Mulleres na arte, un proxecto de Elsa Martínez Vázquez que “pon en valor o traballo e o talento das mulleres artistas que quedaron invisibilizadas ao longo da historia”, explica o Concello de Barreiros.

A mostra recolle 43 retratos de mulleres de diferentes disciplinas artísticas (pintoras, escultoras, escritoras e actrices) do século XVI ao XX, empregando técnicas como o acrílico, a acuarela, o collage, o lapis e a plastilina como innovación no xénero do retrato. Cada obra conta cunha ficha técnica con código QR para acceder a máis información sobre cada artista.

A exposición poderá visitarse ata o 30 de xullo os luns de 11:30 a 14:00 horas e os xoves e venres de 10:00 a 14:00 horas.