O CIT da Pontenova organiza unha ruta polo percorrido do antigo tren mineiro en Ribadeo este domingo, 28 de setembro

O Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) da Pontenova organiza unha ruta polo percorrido do antigo tren mineiro no municipio de Ribadeo este domingo, día 28 de setembro.

“O vindeiro 28 de setembro temos unha cita coa historia e a natureza, coa ruta interpretativa do tren mineiro da S.M.V por Ribadeo. Un percorrido único para descubrir o trazado do antigo ferrocarril mineiro”, anuncia a organización.

A actividade comezará ás 09:00 horas coa concentración dos participantes na Praza dos Fornos, da Pontenova, onde se fará o reparto das mochilas conmemorativas con auga e un petisco. Ás 09:15 horas será a saída do autobús cara ó cargadoiro de Porto estreito (Ribadeo). Ás 10:00 comezará o percorrido interpretativo seguindo o trazado do tren. E ás 14:30 horas rematará a actividade cunha comida na cafetería da Casa de Cultura da Pontenova a base de pinchos e bebidas variadas.

O percorrido ten unha distancia de 4,1 quilómetros con dificultade baixa.

Esta actividade está limitada a 30 participantes, por rigorosa orde de inscrición. O prezo é de 30 euros por persoa e inclúe mochila conmemorativa, autobús, comida e seguro RC.

Para máis información e inscricións as persoas interesadas poden contactar a través do teléfono 697.532.809. O prazo para apuntarse está aberto ata este venres, 26 de setembro.