
O colectivo cultural Ollomao, de Barreiros, organiza un taller de cerámica que se desenvolverá do 10 ao 14 e do 17 ao 21 de novembro no local do campo da festa de Vilamar de 18:30 a 20:30 horas.
“En Barreiros levamos o barro no nome... e agora tamén nas mans! Dentro do programa Mans Artesás da Deputación de Lugo, Área de Deportes, Artesanía e Deseño e Memoria Histórica/ CENTRAD, chega un curso de cerámica para descubrir o pracer de crear coa terra e a tradición. Da man de Alfar Os Muiños (Mondoñedo), mergullarémonos na arte da alfarería galega, modelando pezas únicas paso a paso, desfrutando mentres aprendemos”, anuncia o colectivo Ollomao.
As prazas son limitadas, con prioridade para socias/os da asociación organizadora. A data límite de inscrición é o 8 de novembro e as persoas interesadas poden apuntarse a través do teléfono 678.546.526.


