O Complexo Cultural Regal Xunqueira, en Viveiro, exporá fotos de Alén Espiña Otero do 2 ao 29 de xullo

O Complexo Cultural Regal Xunqueira, que está nesa parroquia do municipio de Viveiro, exporá fotografías de Alén Espiña Otero desde este xoves, día 2 de xullo, ata o 29 deste mes, mércores.

Regal Xunqueira explica que é unha mostra fotográfica que “invita a observar a natureza desde unha perspectiva pausada, respectuosa e atenta. Algunhas das imaxes foron tomadas na zona da Mariña Lucense e moitas no resto de Galicia, xunto con outras captadas en ecosistemas de Cataluña, Aragón, Andalucía, Senegal e Escocia, ofrecendo un percorrido visual que pon en diálogo paisaxes e especies de diferentes ecosistemas. O conxunto propón unha lectura ampla da biodiversidade e das conexións que sosteñen os distintos hábitats naturais”.

Alén Espiña Otero é un fotógrafo naturalista especializado en ornitoloxía , afincado en Santiago de Compostela e con orixe na Mariña. Realiza censos para protección da biosfera e é socio do Grupo Naturalista Habitat e da Sociedade Española de Ornitoloxia.

“Máis alá do seu valor estético e documental, A beleza da diversidade propón unha reflexión sobre a necesidade de conservar os espazos naturais e de desenvolver unha mirada máis consciente sobre o medio ambiente”, destaca Regal Xunqueira, que engade: “as imaxes retratan 50 especies distintas de fauna, entre aves, insectos e mamíferos principalmente que convidan a deter o ritmo e a observar aquilo que adoita pasar desapercibido”.